A NASA, moi preto de achar vida extraterrestre

Escrito por Acienciaebela 28-04-2017 en NASA. Comentarios (0)

"Tendo en conta todas as actividades de procura de vida en moitas ciencias diferentes, estamos ao bordo dun dos descubrimentos máis profundos e nunca vistos antes". É a opinión, polo menos, do profesor Thomas Zurbuchen, administrador asociado do Directorio de Misión Científica da sede da NASA en Washington, que o pasado día 25 participou na audiencia do Comité para a Ciencia, Espazo e Tecnoloxía estadounidense.

Tras repasar os logros recentes da NASA na procura da vida extraterrestre, recordou que "fai dúas semanas a misión Cassini da NASA demostrou a presenza de hidrógeno na lúa Encelado de Saturno, mentres que o equipo do Hubble anunciou os resultados da segunda observación dos océanos de Europa, a lúa de Júpiter. Uns achados que, en ambos casos, presentan o potencial da vida, afirmou.

Aínda que de momento non atopamos signos de vida definitivos noutros lugares, a nosa procura está facendo un progreso notable, asegura Zurbuchen, que engade que o Mars 2020 -o próximo explorador da Axencia- seguirá avanzando nesta procura mediante a investigación dunha rexión de Marte onde o ambiente antigo pode ser favorable para a vida microbiana. A misión tamén buscará signos de vida pasada e recollerá mostras que levará á Terra, explicou. 

Para demostrar a existencia da vida extraterrestre, sinalou o científico, é necesaria a cooperación de varias disciplinas científicas en conxunto, como a biología, a xeoloxía, a astronomía, as ciencias planetarias, as ciencias da Terra e moitas outras.